27 de mar. de 2024

SEMANA DA PRENSA

Durante a Semana da Prensa elaboramos en grupos cooperativos noticias relacionados co noso proxecto sobre o Circo dos Sorrisos. Foron noticias de acontecementos importantes para nós, como a chegada do circo ao noso centro, os artistas máis famosos do circo que imos coñecendo e os espectáculos de maxia, de equilibristas e de pallasos que fixemos nas aulas. 


DÍA DA MULLER

8 de marzo celebramos o día da muller traballadora e durante esa semana estivemos a coñecer a Frida Kahlo. 

Muller mexicana que despois de pasar unha enfermidade e un tráxico accidente atopou na pintura a súa motivación para superar o sufrimento e encher a vida de cores. 

Un dos seus lemas "Pes para que vos quero se teño ás para voar" definen á perfección a súa forma de ver a vida.

Coñecimos a súa vida cun conto e un vídeo.

            


Abraionos tanto a súa historia que coñecimos moitos das súas obras e fixemos un autoretrato de Frida coas bolboretas. 




Ademais durante esta semana coñecimos unha historia marabillosa da man de tres nenas intrépidas, valentes, inxenioxas... que descubriron as pedras que moitas persoas poden poñer no noso camiño para que os nenos e nenas non poidan voar alto e chegar a onde queiran chegar.













OBRADOIRO DE MALABARISTAS

 Contamos coa colaboración de dous nenos doutro colexio da zona que nas clases de Educación Física practican malabarismos co diábolo, platillos e pelotas. 

Recibimos  a súa visita e quedamos abraiados coa súa destreza con estes aparellos. Foi unha clase maxistral da que desfrutamos moito. 




21 de mar. de 2024

EU TEÑO UN AMIGO

 Con motivo do día da Paz e non violencia estivemos a traballar un cadro de arte dun artista que foi famoso polas súas obras de arte. 

Keith Haring foi un grafitero estadounidense que comezou pintando grafitis no metro de New York e acabou pintando unha parte do famoso Muro de Berlín.

As súas obras simulan as historietas dos comics polo seu colorido e forma. 

Coñecimos unha das súas obras "Mellores amigos" co que tratamos o tema da importancia da amizade, do respeto e o coidado entre nós e acompañamos a obra coa memorización dun fermoso poema titulado "Eu teño un amigo".




O día 21, coincidindo co día da poesía quisemos compartir cos nosos compañeiros de 3 e 4 anos un recital de poesía e aproveitamos para recitarlles este fermoso poema. 






16 de mar. de 2024

OBRADOIROS DAS FAMILIAS

 Recibir ás familias é sempre algo especial para os nosos cativ@s e que preparen cousiñas relacionados co noso proxecto fai que podamos vivir experiencias xeniais xunto a eles/as onde aprendemos, divertímonos e compartimos momentos únicos. 

O noso circo dos sorrisos abriu as portas a varias familias que participaron con nós para facer diferentes obradoiros:

OBRADOIRO DE VARIÑAS MÁXICAS: coas que fixemos moitos trucos de maxia. 



OBRADOIRO DE CORBATAS DE PALLASOS: no entroido fixemos corbatas de pallasos que decoramos con moitas cores e que levamos para casa. Ademais aprendimos moito sobre o circo cun genially que preparou Carla para nós. 





OBRADOIRO DE EQUILIBRISTAS: o noso cole convertiuse nunha escola de equilibristas no que a partir de diferentes xogos traballamos as habilidades que teñen que ter os verdadeiros equilibristas. Preparamos diferentes estacións con diferentes xogos cooperativos:

- Equilibrio (aro de lume, circuito de aros e colchoneta)

- Destreza e coordinación óculo-manual cun laberinto de pallaso ao que había que tratar de colarlle os narices vermellos (pequenas pelotas)

- Percorridos sobre a corda floxa con picas e pelotas de forma individual e cooperativo

- Lanzamento de aros facendo equilibrios

- Acrobacias: tirabamos un dado xigante e faciamos as figuras acrobáticas que indicaba segundo o número do dado. 

Unha chea de probas que superaron con moito empeño e co que conseguiron unha medalla de equilibrista.

Parabéns familias por toda a vosa participación.



UNHA FERMOSA HISTORIA DUNS MIMOS MOI ESPECIAIS: Martín e a súa nai Vero, emocionáronnos cunha fermosa historia de dous mimos que se atoparon para unir os seus corazóns rotos. 



SESIÓN COS MIMOS: un grupo de mimos apareceron na aula dispostos a facer unha serie de retos que os peques tiñan que adiviñar pero... non vale facer trampas! (aínda que algunha... é inevitable).


 MESTRES DE CEREMONIAS POR UN DÍA: traballamos a outros dos personaxes protagonistas do circo, o/a mestre de ceremonias e elaboramos con materiais reciclados uns microfónos cos que poderemos xogar a presentar aos diferentes artistas do circo. 



SESIÓNS DE MAXIA:  A maxia chegou ao Castelao da man duns magos/as que fixeron as delicias dos cativos e cativas. e, por suposto, non desvelaron os seus trucos. Non perdades detalle!




OBRADOIRO DE BAILE, MÚSICA E MAQUILLAXE: Como en todos os circos non podía faltar unha boa sesión de música e baile e, se ademais, vai acompañada de maquillaxe que brilla na escuridade iso xa é doutro nivel.



OBRADOIROS DE EQUILIBRISTAS: Estes peques tiveron as súas primeiras sesións de adestramento duns bos/boas equilibristas. Seguiremos ensaiando para mellorar día a día pero o do mocociclo pola corda ímolo deixar para máis adiante.














11 de feb. de 2024

ENTROIDO EMOCIONANTE: CIRCO DOS SORRISOS

 Comezamos a investigación do noso proxecto sobre o circo. Como queremos montar un gran circo comezamos a investigar sobre os personaxes do circo e eliximos ser aquel que máis nos gustou. No noso circo hai presentadores, bailaríns/as, equilibristas e malabaristas, magos e magas, mimos e sobre todo non poden faltar oa pallasos/as. 

Estivemos a decorar a nosa aula cos personaxes do circo que elaboramos en gran grupo para crear un gran mural onde seremos os protagonistas. 

Todos os disfraces foron elaborados coa axuda das familias para que os nenos e nenas luciran cos seus mellores traxes para o noso CIRCO DOS SORRIROS. 

ENTROIDO DAS XOANIÑAS


ENTROIDO DAS BOLBORETAS

13 de xan. de 2024

COMEZAMOS UN NOVO PROXECTO CON MOITA ILUSIÓN

 O pasado venres o corredor do noso colexio e a aula de música encheuse de cor e ledicia, pois recibimos unha visita moi especial: dúas pallasas moi divertidas apareceron para facernos pasar un ratiño agradable. Traían con elas un montón de cousas, un sombreiro xigante con moitas pistas coas que puidemos descubrir de onde viña todo: dun CIRCO.

                                     


Eran as pallasas Piruletas e Coloretes que andaban algo despistadas e viñeron a propoñernos unha misión: axudar a atopar a todos os personaxes do circo porque están desaparecidos.


Tivemos unha idea xenial, montar un gran circo e disfrazarnos de pallasos, magos, equilibristas, bailaríns, arlequíns... 

Vos deixamos unha recopilación dos momentos máis especiais do venres (ligazón ao vídeo)





Con moito agarimo, Coloretes e Piruletas.